1851 (A voapluma, 01/03/2000)

Día espléndido en Compostela. Domingos do Campo lamenta o adianto da primavera, “porque pode vir unha xeada e alá van todas as flores”.
Un pracer o argallar inventos con homes coma Domingos nun grupo de traballo do Consello da Cultura Galega. Da xuntanza, sobre a ciencia e as súas aplicacións prácticas, saíron ideas para aprender.
Unha delas, relacionada coa luz: o próximo ano cumpriranse os cento cincuenta desde que en territorio da Península Ibérica se provocou un fenómeno eléctrico conducente á iluminación.
Foi en Santiago de Compostela; e o medio, un arco voltaico.
A cousa ficou en experimento, e volveuse ao candil, á vela e ao bico de gas ata outro medio século despois, cando comezou a iluminación eléctrica coas lámpadas de vacío segundo a coñecemos.
Galicia é parte da España que deu un Unamuno capaz de dicir parvadas históricas acerca dos inventos. Por iso non houbo seguimento industrial daquel raio da inventiva de 1851.
Pero fica a honra de teren sido profesores galegos os que concibiron a idea de conducir de tal xeito as forzas da natureza.
Vaise facer algo notorio ao respecto. Manuel Bermejo comentou que xa ten algún prexubilado da Bazán a traballar na reconstrucción do arco voltaico co que se produciu a luz naquel momento histórico.
Moi ben: o mundo non vai parar, e das experiencias vellas xorden ideas novas de progreso nos eidos da técnica.
Os museos non están para criar po. Os prexubilados, tampouco para que a poeira os vaia cubrindo.
Se teimamos, cousas dun novo Século das Luces veremos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 01/03/2000]

Share