Os callos (A voapluma, 29/02/2000)

Pasou a borrasca e loce o sol sobre os herbais. A primavera tocou de leve nas pólas das árbores e paga a pena reconciliarse co Impaís dos galegos, cando xa se anuncia o Entroido…
Canso xa dunha mañá de conxecturas telemáticas, acepto o convite do Moncho Iglesias, informático, alto coma eclesiástica torre, aberto coma un predicador.
Imos xantar. Conto que o grande sabio da programación na empresa de ordenadores de Boston por onde andei era profesor de latín. A lóxica é cousa de todos.
Bo viño, guiso de polbo con ameixas… Pouco a pouco, os bits perden peso na conversa e nela xorden asuntos de transcendencia.
Para axudar no caso, aparece o dono do restaurante a dar teoría: para que saiban, os queixos han de ser da casa; os porcos, pasados polo matachín; a fabada, de carne.
Moncho e eu opinamos que as ameixas con faba de ril, manteigosa, están boísimas. Eu propóñoas con cogumelos.
O experto di que non. Con porco, insiste. Pero o Moncho e eu discrepamos, e entramos polo camiño dos callos: ¿con tripa ou con pata?
Eu, con pata. Moncho, con todo, mesmo con pata, que os fai xelatinosos.
O señor do restaurante di que si, que admite gustos nos callos, sempre que non se lles bote chourizo.
De acordo, di o Moncho, porque o chourizo disimula o guiso mal feito…
E así imos chegando á hora de retomarmos o traballo: se cadra con pena de non termos sitio para uns garavanzos cheirosos, ben condimentados.
Voltamos á pantalla e aos papeis. Seguros de que os callos han durar máis cá moda da Internet.
Sen dúbida.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 29/02/2000]

Share