O dólar (A voapluma, 26/02/2000)

Oh, dólar bendito, polo que os homes viven e morren: moeda universal… Aquí e alá, en esquinas e portais resgardados das rúas opulentas que converxen na Market Street de San Francisco, preto de xoierías de ficar coa boca aberta, os pobres piden.
Preguntan ao viandante se “lle sobra” un buck, dólar en xerga; e o europeo de paso coida que dalo non é brincadeira: élle desprenderse de algo máis ca un euro.
A cousa non anda para agasallos. A Terra xira arredor dos dólares, que avaramente acumulan os países productores de petróleo. Nin os que imprimen os billetes son capaces de evitar o maleficio enerxético.
Aos pobres da rúa, que feden a alcohol, pouco lles importa a nova crise do cru: non temen o frío baixo as súas cubertas de papel e ciscallo plástico. Pero as familias ben acubilladas teñen medo neste inverno duro da Norteamérica.
Piden a Clinton que libere as reservas estratéxicas de petróleo. Se o fixese, faltos do grande consumidor, os productores verían caer os trinta dólares do barril ao prezo que lle cómpre.
Pero o Bill (que se vai, ¡adeus mundo que mandamos Mónica e eu!) prefire a demagoxia: subvencionar con dólares federais as calefaccións dos lares necesitados.
¿E a gasolina? Que un galón dela custase un dólar, aínda ben; pero que vaia custar dous…
Xa se manifestaron os camioneiros; e con eles outros pobres: os que andan a percorrer o país inmenso en caravana.
De aquí a pouco, xa se sabe: invasión á vista. Paz nas petrolíferas repúblicas do Cáucaso, onde armas e vidas páganse en dólares.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 26/02/2000]

Share