Albuquerque (A voapluma, 25/02/2000)

San Francisco, San José, San Bruno… Demasiado santoral católico para un país gobernado por wasps (brancos, anglosaxóns e protestantes).
Ao anfitrión pásalle pola cabeza unha idea moi propia de quen anda con gorriña e zapatos deportivos: cear en Albuquerque, nun restaurante mexicano con mariachis.
O menú produce pavor a quen gusta de dixestións sen sobresalto. Todo é para machos —e rexas femias— polo fogoso. Ata o guacamole da entrada pica coa máis perversa intención.
O viño, sen embargo, é dunha corrección que se xustifica polo prezo altísimo: cabernet sauvignon de primeira liña.
Comemos (comen eles, mellor dito), saboreamos o producto das viñas californianas e falamos do que bule no mundo da ciencia aplicada ás comunicacións. Ao fondo, os mariachis con guitarrón e sombreirote van estragando baladas da Hispanidade.
A demanda de mentes educadas para a telemática —din os americanos— supera con moito a oferta. Isto é un drama. Non hai xente preparada e reséntese a calidade dos productos. Unha cousa é inventar unha nova técnica e outra facer que funcione nas casas dos clientes, e nas empresas…
Pasa o tempo. A conversa segue por unha ruta moi especializada. Os convivas europeos sintonizan coa pedantería dos americanos. In vino veritas, un español lambe vellas feridas históricas: Presidio, Sauzalito, Palo Alto… e, de alí, ao Silicon Valley, tan próximo.
Para o mundo foi un ben que México perdese estes territorios, hoxe tan científicos, onde todo se inventa.
Como consolo, fican os topónimos españois.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 25/02/2000]

Share