Chinatown (A voapluma, 24/02/2000)

San Francisco. Chove. Desde a ponte vermella que chaman da Porta Dourada —Golden Gate— vense vagamente a illa nefanda de Alcatraz e os grandes rañaceos do centro. A chuvia eslúe a paisaxe urbana en cores claras —madeira, xeso, vidro— que dá carácter á cidade aberta á Asia.
Mañá de día festivo, e chove. O porto aparece baleiro, salvo turistas que se aventuran polas marisquerías a pé da auga. A Chinatown é un destino necesario.
Esta Chinatown ten peso de autenticidade. Por ela non parece pasar o tempo; segue como na primeira vez, a da descuberta polo visitante curioso: apiñada, exuberante na oferta de productos do Oriente Lonxincuo, vivaz, cantareira, berradora coa modulación ondeante das falas chinesas.
Todos falan chinés. Os vellos nin inglés falan. Fálano, se se lles pide, os rapaces que arman un escándalo terrible na rúa: é o Festival do Ano Novo. Chove. Bombos, pratos e petardos. O ambiente énchese co cheiro acedo da pólvora. Os dragóns de papel colorido serpean, agresivos, baixo cubertas de plástico transparente.
STOP e WALK nos semáforos son as únicas indicacións en inglés. Poida que esteamos, tamén, en Hong Kong…
Quen queira divertirse, entre no regateo cos comerciantes. Vexa como discuten prezos entre eles, seguros da súa fortaleza impenetrable: non haberá cliente que entenda o que se digan.
Desde o Emperatriz da China vese o mar e a comida é imperial. Camareiros e empregadas do roupeiro lembran algo delicioso e cinematográfico: A dama de Xanghai.
Con permiso de Orson Welles, volveremos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 24/02/2000]

Share