Gordura (A voapluma, 23/02/2000)

Outra vez, horas de aeroporto. Chicago é un territorio aterecido, de neve e xeo. As máquinas que limpan as pistas descansan das súas fatigas e os estanques parecen de vidro sucio.
Horas perdidas por culpa do mal tempo. Por culpa dunha snow storm, aínda non deu chegado o avión. Cómpre ter paciencia, mirar, observar.
Estados Unidos é un país de gordos. Hainos de tamaño comprensible pero tamén de volumes que van contra natura.
O observador que queira encontrar algunha relación entre a orixe dos hiperobesos e a súa condición logo conclúe que os hai de todas as castes, desde o caucasian ao african pasando polo latin, nas clasificacións deles.
A razón é que esta melting pot inútil (crisol no que non se dan amalgamado os inmigrantes de todo o Globo) debe estar no que define unha nación verdadeira: a comida.
Velos aí coas mans ocupadas, nunha o receptáculo de cartón ou plástico cheo de chips graxentos que matan a fame, na outra a coke edulcorada que mal lles ha sacar a sede filla dos elementos sólidos.
Pola pantalla do fastío e as horas lentas chegan imaxes da África que aquí deberían ter censura. Onde tanto unto sobra, onde as persoas máis parecen elefantes mariños ou baleas, as boas maneiras demandan ocultar a fame, costelas a afloraren baixo a pel, seos coma bolsas de coiro, ollos esbugallados…
O mundo, señores, é un absurdo —que só se soporta con humor.
E con humor aturamos a espera, convencidos da avantaxe maior da gordura americana: para tales medidas fanse —comodísimos— asentos de avión.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 23/02/2000]

Share