Escribir (A voapluma, 21/02/2000)

Lonxe, moi lonxe, a unha distancia que xulgaría infinita, escribo.
Fago crónica con atraso porque as circunstancias non me deixaron facela ao día.
Escribindo —xa no acto— sinto a necesidade de facelo sobre iso mesmo: escribir.
O día que deixei Galicia estaba o tempo bo e tiven o pracer de conversar con amigos, viño polo medio. Habíaos de distinta idade e condición. En determinado momento da conversa tocouse un asunto do que ninguén quere máis que murmurar —salvo algúns que xa deixamos en negro sobre branco as nosas consideracións.
A tal punto, un dos convivas, mozo empresario, rei do sorriso e do convite, fixo o que debeu coidar que cumpría: advertirme de que eu estaba a provocar a inimizade de quen non parece disposto a aceptar a crítica desde o seu infinito poder empresarial. E concluíu, rotundo: “O que che pagan polo que escribes non che compensa estares na súa lista negra”.
Certo. Aos escritores nunca lles pagan dabondo —fóra algúns, e as máis das veces por razóns extraliterarias.
Pero escriben. Con todas as consecuencias. Os que o son de raza fan coma os cabalos bos: dan peito ao vao, botan a galopar nas costas arriba.
Un exemplo: en Compostela, semanas atrás, o presidente do Pen Club Internacional contaba o caso do dramaturgo turco que podrece nas cadeas do sistema.
Seica na Turquía que queren facer europea hai palabras prohibidas. Ese dramaturgo escribiu unha delas: “curdo”. E silenciárono, sumírono na mourenza…
Os escritores son así: escriben
Os empresarios simpáticos prefiren murmurar.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/02/2000]

Share