Consumo (A voapluma, 20/02/2000)

Andando polos aeroportos dese mundo, non é raro ver un suxeito moi moderno cun ordenador portátil conectado cun cabo a un teléfono móbil.
Se lembramos “portátiles” e “móbiles” hai anos, teriamos que imaxinar o viaxeiro cun carriño arrastrando tales dispositivos. Con todo, hoxe aínda se lle bota ombro ao asunto.
Os calculadores consumen corrente, e os acumuladores pesan; as posibilidades da programación aumentan e demandan máis circuítos de cálculo e memoria, polo que os tamaños e os pesos non se dan reducido.
Ou non se daban…
Quen conseguise fabricar “microprocesadores” de baixo consumo estaría en disposición de mudarlle a face ao asunto; e tras disto andaban os fabricantes de “cascudas” –bichiños negros con moitas patas— que se ocultan baixo as carcasas dos equipos.
Unha vez máis a California dos soños vai marcar o ritmo a que bailará o Globo das globais comunicacións. Transmeta, unha empresa misteriosa, que contratou o xenio Linus Torvald, inventor do sistema operativo Linux, e que prohibiu aos seus empregados falar das cousas do traballo mesmo coa familia, acaba de desvelar o seu misterio:
Inventou un microprocesador que fai o mesmo cós ata agora coñecidos consumindo a décima parte.
A tal da empresa (ollo, investidores en “tecnolóxicas”) promete a posibilidade de ordenadores coma cadernos, con baterías irrisorias.
Xunto deles, teléfonos de pulseira, cunha transmisión sen fíos a auricular sostido na orella; ou ao propio ordenador…
Enténdese que os telefoniños tamén servirán para dar a hora.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 20/02/2000]

Share

One Comment

  1. Antón

    Teño interese en falar con Vde. a raiz da lectura do seu libro “Entre Fronteiras”.
    Son de Salvaterra de Miño, ex-concelleiro do BNG. Un grupo de xente estamos a traballar na memoria histórica desta vila e pensamos que o seu testemuño é moi importante pra nos.
    Obrigado

Comments are closed.