Tortilla (A voapluma, 19/02/2000)

Acabo de comer tortilla fría, e unha fervenza de saudades infantís veuse precipitar sobre o prato: eran as excursións á praia, a Seselle, cos seus campos verdes, as sombras do arboredo e un areal sen xente.
De Ferrol á outra banda iamos en lancha, e despois camiñando ata a beiramar de Ares. As tarteiras viraban ilusión que as señoras gardaban celosamente dos rapaces xogadores e famentos. Aquelas señoras eran amas e criadas, e había democracia no baño.
Por culpa da tortilla fun buscar unha foto de álbum, e vinme alá, pequeno, coa auga pola cintura, rodeado de mulleres con ela polos xeonllos.
Dos retratados, só ficamos dous neste val de bágoas…
A tortilla de patacas —que é invento recente porque a pataca non é vella descuberta— toma características moi diversas e, por só darmos dúas de tribos próximas, haina betanceira, encharcada, que non vale para excursión, e calladiña, ferrolá, das que serven de viático.
A tortilla é un elemento da civilización española, que nos identifica. En certa ocasión, alá polas terras do Chubut patagónico (onde os galeses quixeron facer república á parte da opresora Inglaterra), un galego residente negouse ao meu convite. Nada de restaurante, que na súa casa había manxar maior: tortilla.
Un dos meus fillos fíxose famoso no seu choio en New Jersey porque toda unha tropa universal e compañeira aprendeu a apreciar os potato cakes que el cociñaba…
Din que a combinación de ovo e pataca é contraria a toda boa lei dietética.
Pero que non falte, que é máis símbolo ca alimento.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/02/2000]

Share