O telegrama (A voapluma, 18/02/2000)

En calquera momento pode chegarlle ao amable lector unha convocatoria para acto público ou unha comunicación xudicial por telegrama, papeliño azul con outro colado a el, branco, que contén o texto do aviso.
O telegrama forma parte do método máis vello da comunicación moderna: a baseada en transmitir mensaxes sen soporte material.
Cando o mundo parece fascinado pola rede de redes —oh, a Internet— e constantemente se escoita que o de mañá nada vai ter que ver co de hoxe, resulta conveniente botarmos unha ollada cara atrás para pormos as cousas en cadanseu sitio.
O sistema telegráfico ten vixencia porque se basea nunha técnica de comunicación que permite a quen o administra o ser garante de que as mensaxes non son alteradas nin lidas polo camiño.
O telegrama é unha evidencia legal respaldada por un sistema —”Telégrafos”— que, á vez, respalda o estado. Non o é así a mensaxe transmitida por polo teléfono, o “fax” ou o modernísimo correo electrónico…
Aínda máis, a implantación do telégrafo tivo un impacto revolucionario no seu tempo: por primeira vez na Historia, a información podía viaxar a unha velocidade infinitamente maior cá das mercadorías.
Tamén, por primeira vez na Historia, os continentes ficaron unidos polo fondo dos mares con cabos que transmitían as noticias á velocidade de propagación dos impulsos eléctricos.
E a cousa é vella. Fagamos memoria: na atrasadísima España, por exemplo, xa en tempos da raíña gordecha Isabel II, as Baleares deixaron de ser illas gracias ao invento.
Cuba, pouco despois.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 18/02/2000]

Share