Informe (A voapluma, 17/02/2000)

Un dos grandes avances da civilización “occidental” é a aproximación entre persoas de sexos diferentes, aínda que iso ás veces comporte a perda de costumes vellos que tiñan o seu aquel.
Por exemplo, pasouse de ter barberías para homes e perruquerías para señoras ás unisex de todos.
Na miña memoria hai unha barbería-escola de guitarra con dereito a rexouba varonil que incluía a política, lugar onde os rapaces aprendiamos o que non viña nos libros…
Pero non renuncio ao que foi acontecendo, primeiro coas aulas mixtas no instituto, despois coa camaradaxe sen distingos de sexo na universidade e, finalmente, cos minisalóns de beleza capilar.
Non renuncio porque son un curioso:
Este día pregunteille ao meu perruqueiro, o Alberto, que sempre me cobra o mesmo, a canto vai o corte e arranxo das damas; e por el souben que “depende da altura do mes”.
Arrediaño: por un momento pensei no ciclo feminino, pero a cousa non ía polo fisiolóxico senón polo económico.
Digamos que, por tratamento, as señoras veñen deixando oito, catro ou dous billetes verdes: a principios, a mediados e a finais de mes.
Seica aos comezos, con diñeiro fresco, piden lavado con xampú especial e crema; pola metade, o xampú é normal e a crema “non, que me engraxa moito”. Finalmente, xa co peto baleiro, “non me laves, que xa o traio lavado da casa”…
Como se ve, un importante informe, que cumpría os economistas —de ambos os sexos— teren en conta nas macrocifras do sector dos servicios.
Élles só cuestión de preguntar ao perruqueiro.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/02/2000]

Share