Artabria (A voapluma, 16/02/2000)

A historia dos portos ártabros —Ferrol e A Coruña— volve pór de actualidade o que puido ter sido e non foi: a Cidade das Rías, soño de urbanistas.
De novo fálase da integración dunha área destinada a ser ponte entre o Cantábrico industrioso, enerxético, e o sur no que se vai concretando a Gallaecia reconstruída: a capitalidade Vigo-Braga-Porto.
A resposta do pólo Ferrol-Coruña ao pólo do sur aparece internamente desequilibrada. A falta de intelixencia do goberno coruñés levou a un mimetismo madrileñoide e antigaleguista que fica varado na obsesión dos servicios, sen innovación industrial que poida xerar excedentes económicos sobre os que se constrúen cultura e avance tecnolóxico de veras.
Fronte a iso, Ferrol, incapaz de vender as súas artes creativas e productivas, ten a posibilidade de se converter na muleta industrial do conxunto.
Na Ferrolterra hai —insistamos— a maior concentración de coñecemento técnico per capita de toda España, e agora parece que as cousas lle viran boas: Bazán é unha integradora de sistemas de alta calidade que non poden fallar. Un barco de guerra é algo moi caro, e no alto mar non hai subcontratas. Un xerador eólico, algo enfrontado aos ventos nun monte.
Só falta por saber onde acabará a sangría de ASTANO.
No entanto, a autoestrada logo se remata: da Praza de Armas á de María Pita, media hora a modo; do campus de Esteiro ao de Elviña, aínda menos.
Daquela, o concello galeguista e atlantista de Ferrol debía tender a man ao de La Coruña. Fóra soberbias, sería polo ben de todos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/02/2000]

Share