Do lixo (A voapluma, 15/02/2000)

Días atrás veume ver un colega galego que, como tantos outros, quedou a vivir para sempre na capital de España.
Casado cunha basca e motivado polo nacionalismo da familia da muller, fíxose galeguista, pero dos da pucha. Meteuse a enxebrista e folclorista, e pon os manxares galegos por cima de todo.
Comendo na Cabana de Ferrol, un espléndido caldo de repolo que —segundo el— a súa santa esposa non é quen de reproducir mesmo que lle leve unto e patacas da aldea matriz, díxonos que estaba moi preocupado pola portuguesización do galego oficial.
Puña como exemplo que, preto da casa dos pais, o concello colocara uns contedores de “lixo”; e que os seus sobriños de Vigo, que aprendían o galego na escola, andaban todo o día con esa palabra que el só vira oficializada no Brasil, onde traballou dous anos…
A verdade da boa é que a conversa era tan interesante en termos de técnicas, normativas e controis de calidade, que preferín esquecer rebaterlle a súa teoría lingüística.
E tiña un argumento de peso: mentres esperabamos a sermos servidos, na barra atopara un deses correspondentes privados que me comunican o estado da nación parlante.
Contárame que, na súa comunidade de veciños, un señor de pucha argumentara contra o mal estado do portal dicindo que a casa común era coma a muller “que lava a cara e píntase, e vístese co mellor que ten, pero sae de paseo coa c… lixosa”.
Pódese ver que a palabra “lixo” esta viva na fala galega; e que mesmo se aplica, adxectivando, a algo tan serio coma as intimidades femininas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 15/02/2000]

Share