G. C. U. (A voapluma, 14/02/2000)

Terras de Almería, dunha aspereza belísima que recorda a proximidade da África. Nada coma o Cabo de Gata e aquela sensación de liberdade nun mundo de pouca xente. Quen queira sentir algo distinto vaia á praia de Mónsul. Almería é unha saudade de solpores sobre os outeiros secos, ruínas de muíños de vento, chumbeiras e sospeita de alacráns por toda parte.
Pero tamén ten o estupor dos plásticos que se estenden ata onde a vista dá, e quizais niso se agache a pezoña alacranada do conflicto: os mouros cobran pouco.
Cobran eles pouco e o mundo dos cristiáns está cheo de regalías. Antes, os de Almería ían dar cos seus ósos e as súas morriñas de sol e cante á rixidez industrial de Barcelona, ou das Europas. E mesmo, algúns, ás Américas.
Hoxe hai subsidio de paro, peonás e pensións. Que traballen os de alén do Estreito, nunha terra onde é dito vulgar “me cago en los moros”…
G. C. U.: gente como uno, é o que din as familias de la colonia nunha Arxentina abafada pola emigración sen pedigree. As familias vellas pedían permiso a El-Rei para celebraren matrimonio, para que non lles entrase “raza” na casa, aínda que fose raza tan linda coma a guaraní…
En El Ejido anúnciase algo coma o visto en terras do Prata. Os andaluces, descendentes de muladís, norteafricanos, mozárabes, mouriscos e repoboadores casteláns, tan parecidos na feitura aos da outra banda veciña, non queren que ninguén lles veña lembrar unha diáspora recente.
E tampouco queren regar o horto cunha suor barata.
Cousas veremos, logo. Moitas máis.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 14/02/2000]

Share