A gota (A voapluma, 13/02/2000)

E máis de amigos, que non falten… Aínda que deste non vou dicir o nome.
Direi, si, que é un tipo cordial e xeneroso onde os haxa, cunha adega glorificadora, capaz de convencer ao máis desilusionado da vida.
Gusta do que se vive e repite o que lle dicía a súa “santa avoa”, a señora Dosinda, que alá vai, no Ceo, coas súas filosofías: “Desta vida has levar tripa chea e nada máis”.
Baixo ese principio é como se pode comprender que en certa ocasión invernal, e en famoso restaurante de Carballo, o meu amigo decidise tomar un cocido de sobremesa.
Foi o caso que nós estabamos a comer unhas robalizas ben cheas, desas que os madrileñistas chaman agora lubinas. Daquela sentaron a unha mesa catro cregos, aos que lles trouxeron unha inmensa e fumegante bandexa de porco acompañado de legumes e verduras.
O meu amigo pediu que lle servisen do que quedase na cociña por non ter collido na bandexa eclesiástica…
O bo do home non é só gozador de praceres vulgares reservados aos cregos senón que, tamén, comparte cos da sotana o refinamento da caza, no que se distinguiran abades e cóengos.
Eu sempre mallo nel, e chámolle asasino de xabarís, coellos e outros bichos que me miran con susto desde o chan ao altor da montura.
Devece por cazar e cociñar o cazado.
E no pecado levou a penitencia: funo ver á casa, e alá estaba cos pés en alto, gotoso, a punto de perder o humor.
Non lle quixen dicir o que me veu a cabeza: o que nos ensinaban xunto co catecismo de Astete: que Deus castiga sen pedra nin pao.
E mesmo sen escopeta.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/02/2000]

Share