Don Manuel (A voapluma, 12/02/2000)

Aviso a navegantes:
Ninguén pediu o que segue; e se detectaren intento de entrada en campaña política a favor de alguén, repasen a hemeroteca e vexan nesta columna o que vai escrito sobre a amizade…
Ben: don Manuel leva aquí dez anos, e cadaquén conta a feira como lle foi nela.
Don Manuel era o ministro que se viña barbear a Pontedeume, nun establecemento peculiar, onde os rapaces aprendían a tocar a guitarra. Á tarde, o campión de Madrid paseaba polo piñeiral da Madalena e acababa na adega do Casimiro botando unhas cuncas…
Despois houbo unha longa paréntese de distancias. E, de súpeto, ¡horror!, que vén o Zapatóns.
Pero viña un señor interesado nas tecnoloxías da información, na innovación industrial, na literatura de aquí e de alá, nas Américas de todos, no Portugal fraterno.
¿Quen llo nega?
Ninguén. Como ninguén nega dez anos de referencia: na dúbida, sométase iso ao criterio de don Manuel…
Pero houbo algo máis: momentos de brillo dunha intelixencia que non é de “memorión” senón que se apoia nunha grande memoria relacional, emocional, productiva.
Dos dez anos pasados fican a malleira verbal á catedrática cubana que todo sabía de Carpentier, ou a reprimenda velada a un embaixador español que se atreveu a dicir “Manolo, eso que habláis se parece mucho al portugués”, ou a explicación das infidelidades de Don Dinís na Academia Brasileira…
Aínda máis: foi o único político que se ofreceu a presentar un libro porque lle gustara. E fíxoo con admirable mestura de sorna e cariño.
Gracias, don Manuel.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/02/2000]

Share