Amigos (A voapluma, 11/02/2000)

Atopo a Xosé Luís Rodríguez Pardo en tan coruñés lugar coma o Parque Europa. É encontro con presas e con señoras, cada matrimonio ao seu nunha fin de semana de compromisos, porque todos somos escravos do tempo.
Dime que leu a columniña dedicada a Xoaquín Villar e que quixera saber quen editou o seu libro sobre o Baixo Deza, “quen e onde, porque supoño que en Merza non ha de haber editoriais”. Respóndolle que, abofé, non llo sei, mesmo tendo lido toda a obriña deliciosa; e que xa o informarei.
Tamén me di que segue estes artigos e que goza cos que dedico aos amigos, porque sempre falo ben deles…
Certamente. Porque son amigos. A amizade é coma o namoro: un non quere ver os defectos e as ruindades de quen comparte connosco, algo que os científicos (non é brinca) definen como química orgánica, e eu asociaría ao electromagnetismo porque funciona a distancia.
Un quérelles aos amigos e non ten por que dar explicacións. Como nin home nin muller han de se someter a criterios alleos cando sobre eles se lanzan os críticos do outro compoñente da parella.
Xosé Luís e eu temos amigos aos que lles custa aceptar a nosa relación cordial con outros. E sabemos que, en moitos casos, queremos mellor aos que non teñen a nosa maneira de pensar que aos correlixionarios.
Nada ten que ver pensar con sentir. Amigo é quen comparte sorriso, confidencia e grolo de viño. Ou, se cadra, algo divertido e inconfesable.
(Por certo: a edición de Por terras do baixo Deza debe ser do autor; e o libro, impreso en Pontevedra).

Share