O móbil (A voapluma, 10/02/2000)

Nada ten xa de grande nova o que a venda e uso de terminais de teléfono móbil superou con moito as previsións máis optimistas.
Tres factores combínanse para tal resultado: a eterna necesidade humana de fabular en calquera momento e lugar (no fondo, sempre queremos contar algo), o acerto nas técnicas elixidas para dar o servicio e a liberalización do sector de negocios correspondente.
Con todo, aínda se ven casos de reticentes, que ollan por riba do ombro dos que se acoplan ao aparelliño. Están no mesmo grupo dos que consideran elegante escribir a man, ou romántico facelo con máquina mecánica.
Din os que non entenden ser o móbil como o reloxo (por certo: ¿por que non se negan a levar reloxo de pulseira?) que é un aparello innecesario, que xa terán quen lles tome un aviso, que non pasa nada por non o levar…
Ata que pasa.
Haberá un ano, quen isto escribe (portador dun discreto trebello, que apaga tan logo entende que debe facelo) tivo un accidente de automóbil nunha estradiña afastada en mañá de domingo. Nada grave, salvo que estragou dúas rodas, ¡dúas!, e non levaba teléfono. Nunca tanto maldiciu a decisión de non telo collido.
Hai semanas, un amigo máis prudente, tamén en mañá de domingo, tivo un accidente que causa arrepíos ao lembralo: un motorista insensato botóuselle enriba. O automobilista esquivouno e caeu por un talude. Ficou sostido por uns eucaliptos novos que ían cedendo. E non podía abrir as portas.
Gracias ao móbil —insiste— está vivo. Usouno, e accedeu a todos os teléfonos de socorro.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 10/02/2000]

Share