Disidencia (A voapluma, 09/02/2000)

Aínda ecoan na miña mente frases soltas da parola mantida a dúo con Aníbal Malvar en Ourense. O motivo era a subsistencia das culturas minoradas nun ambiente globalizador.
Ficaron moitas anécdotas na recámara dos disparos de quen ve clara inxustiza no tratamento recibido polos escritores periféricos nunha España que non os quere aceptar pola súa condición de bichos raros.
España forxouse baixo poderes que sempre procuraron a imposición dunha relixión e dun idioma. Por iso, calquera postura que conduza a se afastar do común é reprimida.
E non pensemos que a represión foi exercida en exclusiva polo aparello policial do Estado. O pobo ortodoxo participou —e participa— no castigo da disidencia, como poden demostrar os protestantes.
E valla unha anécdota non contada en Ourense:
O autor de certa novela galega con tons de intriga fixo un “copión” —traducción rápida— en castelán e enviouno a varias editoriais de Madrid de Barcelona.
Non tardou en vir a resposta dunha delas. Unha señora de voz amable dixo que o orixinal fora estudiado e que podía entrar, con seguridade de éxito, na colección de thrillers (foi a palabra usada) da grande editora que ela representaba.
Só había que… en fin… Ben, non quería ser mal interpretada, pero o nome do autor, e o idioma de orixe… En fin… ¿Aceptaría o autor un pseudónimo? ¿E un título orixinal en inglés?
O autor non aceptou.
A súa axente literaria comprendeu que non aceptase, pero recomenda non revelar o nome da editorial; e resignarse, á espera de mellores tempos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/02/2000]

Share