Neoloxismos (A voapluma, 08/02/2000)

Hai días, Aníbal Malvar e eu fomos convidados a falarmos en Ourense dentro dos encontros que patrocina a nova caixa de aforros do sur.
Francisco Castro, o responsable da organización do ciclo, dispuxo que falasemos a cerca das culturas minoradas fronte á nova realidade globalizadora do mundo.
O acto foi verdadeiramente agradable, como o sería a continuación que tivo en forma de tertulia nun restaurante de sona —que me trouxo algunhas tristuras, ao lembrar un amigo desaparecido: Luís Rivas Villanueva
Na parte do discurso que me cadrou, defendín o uso de todas as novas técnicas para conseguirmos unha democratización das expresións culturais.
Malvar estivo de acordo: o avance tecnolóxico abarata a difusión da creatividade, e nese punto é onde se debe incidir.
Non podía faltar a referencia á interrede global; nin o comentario sobre a xuntanza que en Madrid tiña lugar ao respecto, con presencia de José María Aznar.
Critiquei que un presidente do goberno español prescribise a palabra internet, podendo prescribir interred, en castelán.
No coloquio, un asistente defendeu o termo inglés, argumentando que as linguas vivas admiten neoloxismos foráneos, mentres que as mortas non o fan.
Retruquei que cómpre distinguir entre a adquisición necesaria e a que non o é porque admite traducción; e esquecín dicirlle que hai linguas vivas minadas polos propios falantes.
Guillerme Brea, o anfitrión, estaría de acordo: no ámbito bancario —recoñeceu en privado— non se sabe que diaño Spanglish gremial falan os sabios.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 08/02/2000]

Share