Austria (A voapluma, 07/02/2000)

O alemán é o idioma falado naturalmente por máis europeos; e non hai quen negue que o código lingüístico así chamado ten as súas curiosidades: para quen fala latín corrupto son rechamantes, por exemplo, termos como faschismus ou rassismus
A Austria é país de fala alemana e paisaxes lindas, europeas, medidiñas, ben distintas doutras que se din semellantes nas Américas —ao norte e ao sur do Ecuador— e sen embargo son esaxeradamente grandiosas.
Na Austria as torres aceboladas das igrexas dan un aviso de Leste, e, repasando a historia que nos ensinaron ou nos deixaron ler, representa a orientalidade do catolicismo. É un país barreira, o tampón xeoestratéxico de Roma contra os poderes eslavos —heréticos— e otománs —islámicos—.
Aínda máis, a Austria foi cabeceira dunha civilización cristiá, centro do imperio que se viría abaixo logo da Grande Guerra —tamén perdida polo Turco.
O Occidente europeo, o que mira cara ao Novo Mundo, sempre quixo que os austríacos espallasen o modo de ser da Europa cara aos bárbaros (enténdase o termo no seu valor histórico) do Oriente inmediato.
Agora, cando hai Unión Europea e dentro dela se acolle o lindo país do Danubio e os valses, os outros socios víranlle as costas por culpa do faschismus e o rassismus xenocida que seica rexorde nel con forza de votos.
Pero non achan dificultade para alfombraren a entrada na Unión do país que os gregos non perdoan; como non perdoarían armenios e curdos se tivesen voz en Bruxelas e Estrasburgo.
Ou en Lisboa, que preside con estraño cheiro.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 07/02/2000]

Share