Do ut des, Brittannia

De Gaulle opúñase a que a Gran Bretaña formase parte do que viría ser a Unión Europea. Non quería os ingleses a mandar no continente. Porén, outros grandes da política europea xulgaron vital que a Gran Bretaña entrase no club, mesmo sen que os xefes de Londres aceptasen de todo o do ut des da antiga lingua franca de Europa, o latín. Britannia entrou, a dama de ferro esixiu o cheque de retorno para as arcas británicas, os continentais consentiron e seguiuse adiante un par de décadas máis, non sen que os euroescépticos británicos usasen o propio Parlamento europeo para minaren a Unión.

Agora o Cameron tenta acalmar esa tropa de desleigados cun referendo tras conseguir novas cesións de Bruxelas. Fálalles de contas, mais non de todas. Sería bo que lles amosase as do Consello Europeo da Investigación. Verían o moito que unha Gran Bretaña secesionista pode perder nese eido: a fins do 2015 a lista dos grandes beneficiarios da política común de subvencións á ciencia estaba encabezada por tres universidades inglesas, as de Cambridge e Oxford e Londres… Sen axudas de Bruxelas, ¿a onde irán os científicos ingleses pedir esmola: a Washington ou a Pequín?

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 10/02/2016.]

Share