Eficadia (A voapluma, 06/02/2000)

Días atrás, e co permiso do señor director, apareceu nesta columna un artigo titulado AC VALE que, conversa tras conversa, acabaría converténdose en motivo de múltiples críticas ao autor.
Entre elas, a de que cargaba a man con exceso nos estudiantes de bacharelato -coitadiños- e nos seus profesores, tan dedicados ao desasnamento.
Ben. Se así foi, xulgue o paciente lector o caso que daquela se expuña: un rapaz de trece anos quixera escribir HAZ BALLET e saíralle AC VALE.
Con todo, non se preocupen os numerosos comunicantes, porque o prodixio non acaba no bacharelato. Nese período formativo só se inicia.
Vaiamos á universidade e volvamos xulgar:
Trátase agora do recollido nos exames dunha materia de quinto curso de carreira superior.
Faise unha pregunta sobre certa característica importante das redes de telecomunicación, como é a “robustez” -palabra común ao galego-portugués e ao castelán-. Uns alumnos responden en castelán e outros en galego. Boa parte dos primeiros escribe robusted e outro considerable número dos segundos, robustede.
Pero o asunto non fica aí, entre alumnos. Nun texto escrito por moi lidos profesores, podemos aprender de todo sobre o valor eficad, ou cuadrático medio, dos sinais variables.
Claro que no dialecto galaico da lingua de Nebrija “ciudad” pronúnciase ciudaz (para exemplo, escóitese como o di o alcalde perpetuo de La Coruña)…
En fin, velaí a eficadia do ensino de idiomas nun impaís condenado ao bilingüismo agónico, no que o latín se ignora.
E que non falte o humor, señores.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 06/02/2000]

Share