Comunismo (A voapluma, 05/02/2000)

Recibo amable chamada dun vello coñecido, home poderoso e prudente que non permite que o seu nome sexa usado de pública maneira por un cronista de xornal.
O amigo, colega das telecomunicación, no seu día superior na organización á quen pertenciamos, sempre disposto a ensinar, foi educado nun Istituto Italiano onde aprendeu lingua e costumes dun país para o que os españois en xeral ollan con displicencia —e os que saben de arte, ciencia e técnica, con moito respecto.
Pasado o bacharelato, e cando chegou á escola na que fixemos a carreira, era músico, capaz de espremer as capacidades dun instrumento difícil; e, doadamente, melómano.
Acabado o período universitario, marchou á Italia e desde alá, traballando para unha coñecida empresa do ramo, viaxou polas Américas e por España, onde retomamos o contacto.
Gracias a el, tiven varias ocasións recordables de visitar a Italia. Nunha delas, nun restaurante dos xardíns de Monza, presentoume a un señor baixiño que alardeaba de ter un transmisor de televisión en cada torre de igrexa do país. Chamábase Berlusconi.
Noutra, en Roma, collemos un autobús urbano no que se supuña que os pasaxeiros habían de introducir unha moeda para pagaren a viaxe.
Cando o fomos facer nós, un home vello advertiunos contra tal acto. Daquela o meu amigo provocou un rápido intercambio de frases da que me ficou unha do interlocutor: “Ma questo è vero comunismo”…
Cómpre engadir que o compañeiro é dereitosiño, e que a nosa conversa recente centrouse nos arranxos entre Almunia e Frutos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/02/2000]

Share