Famalicão (A voapluma, 03/02/2000)

Unha vez máis, a Portugaliza: Vilanova de Famalicão, por intereses que xuntan o que chamamos Galicia co que eles chaman eufemisticamente Norte de Portugal, con medo de recoñeceren a realidade.
Outra vez, o motivo da viaxe é tratarmos de negocios que afectan directamente a varios centros de servicios ás empresas, encargados de resolveren problemas de innovación.
A peculiaridade desta visita é a inclusión dun señor francés de certa organización promotora dos adiantos.
Falamos, xantamos e recollemos uns vultos que veñen de volta connosco por unha autoestrada sen fronteiras: só a poética raia mansa do miño, que señorialmente se verte no Atlántico dos soños conxuntos —americanos— de galegos e portugueses.
Ao francés explicámoslle o “efecto proximidade”, e describímoslle que, de costas ás Galicias —lucense e bracarense— hai unha grande sensación de baleiro tecnolóxico: ata a illa pucelana, pois é Valladolid —Pucela— o lugar primeiro onde atoparmos compañía na aventura de innovar.
Gústalle o viño ao visitante, natural da Borgoña, e pregunta sobre afinidades galaico-portuguesas. Confesa que en Francia son inconcibibles as “comunidades” e acepta o culturicidio organizado desde París —para acabar repetindo okay, á ianqui, no seu discurso.
De volta lemos que Galicia é a comunidade raiana que máis intercambio ten con Portugal. E na mente xorde unha visión do que non foi: a troca de Galicia polo Algarve, proposta en tempos de Godoy…
Un amigo de Braga insiste en que tería sido un ben para o Mundo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/02/2000]

Share