O Xocas (A voapluma, 02/02/2000)

Recibo un regalo dos que se gozan e regozan, porque é libro para ler e reler. Titúlase Por terras do baixo Deza e ten por autor un amigo.
Hai vintecinco anos, un anuncio de El Ideal Gallego traíame para a Coruña, coa muller e un pequeno que nos nacera en Ferrol durante a miña ausencia americana.
Recibiume un home mozo, bigotudo, de riso doado, fervenza de riso enorme, tan grande coma o seu peito de galeguista. Entregoume as chaves do piso que alugaba un veciño de Merza residente en Barcelona e deume unha relación de amigos cos que contar.
Xoaquín Villar Calvo, autor do libro recibido, vivía na Coruña, viaxaba a Ferrol con frecuencia e mantiña o corazón no baixo Deza, patria primeira.
Coma min, o Xocas é fillo de médico rural con dereito a cabalo e noites de aventura visitando enfermos. Temos moito en común, principalmente o deber de querermos a xente que nos transmitiron os nosos vellos; a obriga de nos identificarmos con ela, de descubrirmos homes e mulleres “típicos” coma os que describía meu pai…
Nun tempo, Xoaquín Villar foi presidente de O Facho, e eu vicepresidente. Daquela faciamos o Safari Toponímico en El Ideal; e máis cousas, a contrafío. A democracia tiña moito de entelequia. O galeguismo non tomara carne política.
Pero nunca faltou o riso do Xocas; que hoxe vive en Pontevedra e alí escribe como o faría Cunqueiro, de señores e paisanos.
Se saudade é sentir ausencias nun lugar, cada vez que paso pola rúa Federico Tapia ou pola praza de María Pita, teño saudade do amigo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 02/02/2000]

Share

One Comment

  1. Pingback: Amigos (A voapluma, 11/02/2000) | XAVIER ALCALÁ

Comments are closed.