Cabodano (A voapluma, 01/02/2000)

Cabodano e homenaxe en Ferrol, na capela que foi do Hospital de Caridade, con frío de pedir roupa e arrimo entre os moitos que acudiron. Unha foto de don Gonzalo. Cinco homes nunha mesa. Todos falaron.
Sen menosprezar os outros, salientaríanse a Xaime Bello e a Carlos Casares.
Xaime falou en código de alcalde da cidade co nome que fixo resoar por eses mundos un dominador de lingua en parte propia e en parte allea. Discurso axeitado. Propio dun rexedor con lecturas.
Carlos Casares falou tan espantosamente ben, tan fluidamente, adornadamente… Pero, con toda a cordialidade que lle premía a consciencia ao falar no Centro Cultural Torrente Ballester, non puido eludir a dureza da realidade.
Dixo que o mestre merecera o premio Nobel, pero non o conquistara. E explicou como sucederan os feitos -coa naturalidade de quen acha normal, de andar pola casa, o se tratar co secretario da Academia Sueca que fai os escritores existiren para o mundo.
O home de aspecto canso e ollada oculta tras dos lentes non soubo conquistar o que merecía; e iso fai pensar moito. Non só hai que valer, senón que cómpre demostralo…
Concluíu o acto de homenaxe con treitos da prosa de Torrente lidos por rapaces. Un, na fin, deixou o público a punto de bágoa: lembraba o autor a súa casa de Serantes e preguntábase a que mans iría parar.
Varios dos asistentes foron xantar ao restaurante que ocupa os baixos desa casa histórica.
Á sobremesa, satisfeito, un deles ergueu a copa e sentenciou: “Quedoulle en boas mans, don Gonzalo”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 01/02/2000]

Share