Un diario (A voapluma, 31/01/2000)

Pasaron os días de inverno, friaxentos, xornadas de rúas baldeiras á media noite. Pasan, pero a memoria perdura. A memoria de relembrar -mesmo coa propia- a vida de quen nos puido marcar cun antes e un despois de termos coñecido algo seu…
Xosé Antonio Ponte Far trouxo a Ferrol o Víctor Freixanes. Veu o home multifacético de belo cabelo branco e contou da Pontevedra que compartira con don Gonzalo, seguiu cos encontros ao longo de ambas as vidas e rematou cunha lembranza que o ha de encher de orgullo.
Torrente Ballester -declara Víctor- foi o primeiro escritor que el coñeceu ao vivo, non a través de textos. E velaí a satisfacción: cando chegou a editor poderoso (doce mil millóns de pesetas ao seu cargo), fixo unha edición -magnífica no dicir de Ponte Far- da obra magna daquel profesor ferrolán, que andaba por Pontevedra a xogar coas palabras e a tomar datos para unha Saga/fuga
Esta noite de conferencia apaixonada correu un viño bo e houbo revelacións de taberna. Cadaquén no seu sitio, díxose. Ponte e Freixanes coinciden: a xente e a Historia colocan a cada escritor onde lle cómpre. E a don Gonzalo, no cemiterio de a pé da casa natal, con moita compañía.
Cando Víctor saíu cara a Santiago, Xosé Antonio adiantou algo interesantísimo: Torrente depositara un diario no lugar do seu exilio norteamericano, para ser aberto logo de dez anos da súa morte.
Esperemos chegar vivos -dentro de nove- ao gozo da súa lectura. O mestre do humor escéptico puido ter deixado a pousar a mellor peza do seu repertorio.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 31/01/2000]

Share