Ac vale (A voapluma, 30/01/2000)

Óese, repítese e aínda segue custando crer que a degradación chegase a onde chegou. Pódese dicir que é síntoma dun mal profundo, o que conduce a un pasado que quixeramos esquecer.
Contan os vellos que un dos maiores avances da República foi o referente ao ensino. España era país de analfabetos, xentes incapacitadas para adquiriren coñecementos que lles permitisen, alomenos, formar concepto cabal.
Poden contar os non tan vellos que a teima dos pais era “estudiar os fillos”. Un mestre -sendo pobre- era unha autoridade, e ninguén protestaba porque a un cativo lle caesen unhas labazadas ata entrar na razón de aplicarse.
Aprender tiña utilidade. Á escola e ao colexio non se mandaban os pequenos para “estacionalos”, para que non andasen a ruar. Nos centros de estudio procurábase orde e facíase selección dos alumnos -mesmo con crueldade…
Hoxe parece como que todo se tivese trastocado a punto de que poida acontecer o que a seguir se relata:
Instituto de cidade galega. Actividade que nada ten que ver con aprender algo concreto, regrado e formal, senón con algún tipo de formación que Deus entenda. Proposta: que os rapaces fagan slogans suxestivos a cerca de actividades que os afasten da droga.
Un mocete de trece anos pesenta un cartel: AC VALE. Os profesores consideran a mensaxe xeroglífica e tentan descifrala. Incapaces, por fin, reclaman axuda do autor xenial que, cun sorriso perdoavidas, informa: “Haz balé”. Ou sexa: HAZ BALLET
A letra, antes, con sangue entraba. Agora non entra nin con droga.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 30/01/2000]

Share