Honradez (A voapluma, 29/01/2000)

Honradez. O mimetismo dos españois é talmente colonial: ¿Por que dicir “honesto” cando sempre se dixo “honrado”? O maldito inglés anda por tras…
Honradez, repito. “Vivir na Coruña que bonito é…”. Este día tiven proba do que é unha sociedade a funcionar, como funcionaba a Suíza que chamaba a nosa atención naqueles anos dos infinitos temporeiros.
De novo fun ao cine do Forum Metropolitano, e alá deixei un moedeiro cunhas poucas moedas.
Logo dunha semana volvín e preguntei á señora que recolle as entradas se sabía do caso. Ela non sabía pero —oh casualidade— andaba por alí un rapaz que contou como el recollera un moedeiro de fol de coiro, azul escuro, e llo entregara ao maquinista.
O maquinista logo dixo que el llo entregara ao policía de turno e suxeriu que fose falar co seu colega de servicio nese momento, que o había de ter.
O colega veu ser unha moza con rechamante chaleco amarelo e un revólver ao cadril que parecía de xoguete. Desviviuse ela por atopar o moedeiro a punto de que lle eu pedise non se aflixir por tan pouca cousa. Pero ela teimou: “Vaia ver a película, que eu chamo o compañeiro á casa”.
Abraiado —e ben orgulloso— polo trato recibido, vin unha comedia americana moi divertida; e, cando se prendeu a luz, o maquinista veu canda min e explicou: “Dixo a policía que, como o seu moedeiro tiña diñeiro, levárano á caixa forte”…
Como me dixo un señor que volveu da Arxentina logo de moitos anos: “Esta España xa non che é o que era”.
Certo: onde non hai miseria, móstrase doadamente a honradez.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 29/01/2000]

Share