Dona Ana (A voapluma, 28/01/2000)

Seguindo o cadaleito dun amigo -momento de non brincar-, pregunteille a outro por certas actitudes da viúva, case agresivas, no intre do pasamento. “Estaba a defender o home -respondeume-. Estes compartían todo”.
Admiro os matrimonios que fan vida en común de veras; e moito estimo as mulleres que abandonan a doada mourenza da esposa para botaren unha man ao suxeito co que comparten algo máis do que -por veces- cama e farsas familiares.
Seica as hai mercantes e marquesas por conta dun ancián, reviradoras de testamentos, expendedoras de memorias do grande varón poético; ou políticas agachadas a esperaren o término do mandato do cónxuxe (mesmo engulindo sapos felatorios e outras infidelidades ridículas) para gabearen cara ao seu propio lugar na escena…
Dona Ana mostra xeito de muller firme. Sen nada rechamante na condición de moza, tampouco nada a fai fea. Non atrae nin repele. Non arrecende nin cheira. Non apaixona. Ten algo de neutro que nunca desentoa como a voz -tan pouco agraciada- do home que apoia co seu facer sinxelo.
É dama da pequena burguesía de terras secas e sen visión do mundo. Outrora, se cadra, tería sido dalgunha organización de caridade, pero nunca beata. Pode ser presentada, sen ficar mal, por un prohome arquibrillante.
Pero arrastra unha eiva para as andanzas políticas que nunca ha de superar: o apelido.
Xamais as tribos hispánicas -ibéricas, aínda máis- estiveron tan unidas como contra un régulo monicreque que sucedeu a un Borbón parvo e corneado.
O pobo chamáballe Pepe Botella.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/01/2000]

Share