Pep (A voapluma, 27/01/2000)

A vida nos colexios maiores era divertida, malia a “represión sexual” (moito gustaba dicilo) a que os residentes eran sometidos nos das organizacións relixiosas sustentadoras do nacional-catolicismo.
Pero o fundamental era o coñecemento das persoas, a descuberta delas e das súas circunstancias nun mundo en que a televisión era novidade e a censura omnipresente.
Nos colexios universitarios de Madrid, os cataláns falaban todos catalán pero non facían piña coma os galegos ou os bascos. E o Pep non tiña moitos amigos. Un paisano seu e amigo meu chamáballe “Pep el babaia”, ou sexa: o parvo.
O Pep estudiaba enxeñería aeronáutica; e despois estudiou Económicas. A min non me parecía nada parvo, por moito que insistise o meu compañeiro.
Deixamos de ver o Pep cando se meteu na Facenda, onde soubemos que trazaba boa carreira. Sentimos del pasados os anos, coa chegada do PSOE ao poder. E tivemos que criticalo cando, sendo superministro, se empeñou sospeitosamente en retardar a liberalización das telecomunicacións.
Nesa altura coincidín con el nun avión. Miroume e non me saudou, e non me identifiquei porque a vida é longa e un esquece as caras.
Pero cando aterramos tiven que trabar na lingua para non lle dicir algo:
O máximo responsable do transporte aéreo en España quitou do peto billete e cartón de embarque, esnaquizounos e tirou con eles á moqueta azul diante do seu asento.
O que non puiden evitar foron as lembranzas da mocidade: velaí “Pep el babaia”. Quizais fose por cousas así que o seu paisano o vilipendiaba.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 27/01/2000]

Share