Negocios (A voapluma, 26/01/2000)

Os da xeración anterior andan nos oitenta anos. Os da presente, polos cincuenta. Na dos vellos dérase un caso: pola súa ficha política, un home perdeu o emprego e deu cos ósos na cadea. Ao saír non tiña de que manterse.
A muller, previsora, cismara montar negocio de efectos navais, con moito reclamo na vila. Pero non había capital para eluguer e primeiras compras.
A cousa estaba negra, en tempos de ración e estraperlo. Ata que un encontro casual, cun vello compañeiro de escola, resolveu todo: “Conta comigo. Xa pagarás”. E cumpriu a promesa, porque o novo comerciante recibiu “trinta caixas de mercadoría por valor de trinta mil pesetas”.
Dese almacén de efectos navais saiu excedente económico dabondo como para pagar estudios superiores. Un fillo da casa, ben estudiado, converteríase en integrador de sistemas informáticos, concesionario de marca poderosa.
Da familia de quen mandara os trinta vultos contra palabra de pagamento saíu un mozo disposto a comer o mundo. Economista, especializouse na consultoría de organización empresarial.
Asociou a súa empresa a unha multinacional e, cando se decatou, a “enxeñería financeira” deixárao na rúa.
Daquela, tiña que comezar de novo. Pero faltábanlle o sistema informático en que basear o negocio, e cartos para o comprar.
Nun momento de baixa moral recibiu unha chamada: “Dime o que necesitas, e xa pagarás”. Era do fillo de quen recibira trato semellante hai cinco lustros…
Neste mundo de “cambalache”, atopar xente con memoria familiar dá ganas de seguir vivindo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 26/01/2000]

Share