Craxi (A voapluma, 25/01/2000)

A Tunisia é terra de poético nome. Din os que saben de linguas que Tunis vén da palabra berber que suxire “acampamento nocturno”. Nocturno á luz da miríada de estrelas que nos contemplan nun deserto con impactantes ruínas romanas.
A Tunisia foi o celeiro de Roma, a provincia de África que logo se alcanza a dous días de vela desde a Península Itálica. Está chea de belezas do Imperio por antonomasia. Abonda con ir ao museo do Bardo para ver tales perfeccións en mosaico que un acaba por renderse. O retrato de Ovidio en anaquiños de pedra colorida invita a non se mover de alí.
O país é un treito de Mediterráneo por onde todos os pobos pasaron; todos os que están non libros de Historia con infinitas páxinas de batallar para o de sempre: producir e dominar as rutas do comercio marítimo.
E hoxe están por alí todos os pobos que naceron á cultura co influxo das civilizacións desenvolvidas polos antigos. Da praia e o mar quentiño aos areais do deserto, o nativo acompaña e tenta explotar o turista, que debe gozar do que non é seu por un prezo axustado.
A Tunisia é terra áspera e hospitaleira, de xentes políglotas, que comezan co italiano, seguen con inglés e o alemán, e logo se atreven co catalán e o castelá.
O clima é espléndido e o viño groseiro, pero Italia fica preto e pode traerse de alá.
Pobre Benedetto Craxi. Elixiu fuxir da realidade europea en Hammamet.
En Hammamet, a respecto de Craxi e de González, un español dicía: “El que no se caga, pisa mierda”.
Naquel momento, aínda non se sabía o de Kohl.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 25/01/2000]

Share