O megawatio (A voapluma, 24/01/2000)

Quéixome de que, cando falo cun xornalista novo, o máis probable é que se dixen “megawatio·hora” (ou sexa: por hora) só escriba “megawatio”; ou se digo “megabit/segundo” (ou sexa: cada segundo) deixe a cousa en megabit. Total, que a enerxía se converte en potencia e a velocidade de transmisión pasa a ser capacidade de memoria… Un desastre.
A conversa é cun decano de facultade, doutor en xornalismo, e un consultor, doutor enxeñeiro de telecomunicación.
O primeiro aclara que “xornalista é aquel que escribe de todo o que descoñece”. O segundo engade: “o xornalista é un mar de coñecementos cun centímetro de profundidade”.
Caio na trapela que me tenden e conto anécdota sobre estudiantes de xornalismo: logo de varios días de clase a un grupo de posgraduados, un ergueu a man e dixo non saber que era “iso da sinusoide”.
Pero decátome de que a cuestión non é cos xornalistas, e conto outra, neste caso de alumnos de telemática: falaba de decibelios e vin descubrir que non entendían nada porque non sabían de memoria o valor aproximado do logaritmo de dous en base dez.
Corrixo a conversa e tento levar as cousas ao seu sitio. O problema é a burramia integral á que se foi levando os rapaces no bacharelato: non saben que enerxía é potencia por tempo; velocidade, unha cantidade partida por tempo… E nada de logaritmos.
Seica os bispos andan a pedir que os pequenos aprendan o catecismo de memoria, como nós o aprendiamos -xunto co Cara al sol.
Coido que habían aprender así algo máis que as cousas da relixión.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 24/01/2000]

Share