Os votos (A voapluma, 21/01/2000)

O Foro Metropolitano fica ben para quen mora na Cubela coruñesa, antes concello de Oza. No Parque Europa está o Foro; e alí, os minicines.
No minicine Fernando Rey, de tan propio nome, proxectan En un lugar del mundo, con figuras ben coñecidas, como a Cecilia Roth, muller de moda —mesmo fotografada en TIME— ao servicio do Almodóvar; ou como o José Sacristán, que non precisa de ser presentado.
O argumento da película fai pensar nunha función densa, de personaxes fortes nun ambiente agresivo, drama duns zurdos —como alá, na Arxentina, os chaman— superviventes da represión dos milicos, perdidos por “el interior”, que sen encontran cun español escéptico…
O minicine énchese dun público xove, vestido en imitación dos pais, tal vez rojos do 68.
Contrastan con ese persoal dúas mulleres que han ser avoas: citadinamente vestidas, conservan signos de ruralidade no rostro e nas mans. E, por se algunha dúbida ficase, falan galego ben pronunciado, cada pronome no seu sitio, só castelanizado na aproximación aos cultismos.
O drama agardado non se fai esperar. Desenvólvese desde o inicio, atacando os principios que manteñen vivo o terceiro mundo nas Américas.
As señoras, en voz prudente, deixan escapar comentarios que as sitúan do lado dos que loitan contra o poder que —legalmente— dá o diñeiro. Están a participar da historia. Se cadra, andan por alí, con aquela xentiña da provincia arxentina de San Luís.
E unha pregunta xorde na mente do observador: dentro de nove semanas, ¿para quen serán os seus votos?

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/01/2000]

Share