A escoliña (A voapluma, 19/01/2000)

Casa un sobriño e, na vez de seguir as leis do mercado, non quero saber da lista de vodas, nin oír o que o demo -en forma de muller- me di á orella. O rapaz non ten necesidades, e, sen embargo, ten vicios dignos.
Xa que logo, dispóñome a satisfacerllos na esperanza de que se lembre do seu tío, que xa o tivera no colo.
Sabendo que estudiou Dereito e ama a Historia, procúrolle libros que dan particular visión de Galicia por parte dun home de Leis que se meteu a profesor de Literatura e acabou narrando o que non se contaba do seu país: Emilio González López.
Don Emilio apareceu na miña vida nun meeting antifranquista na Casa Galicia Inc. de Nova York, ao que asistían Enrique Santamarina, o tío de Antón, unha irmá deste logo falecida na mocidade, e Amado Ricón, ata hai pouco alcalde de Redondela.
González López deixoume impresionado naqueles momentos de zozobra: tipo miúdo, con elegancias de home da República, tiña unha comprensión global de Galicia, España e o mundo.
Á miña volta dos Estados Unidos convertinme nun devoto lector da súa obra, coa que hoxe agasallo.
Pero -non sei polo que, pois a mente é rara- fícame del unha imaxe que non contemplei:
Contoume don Gonzalo Torrente que, exiliado á América coa familia, recibiu a visita de don Emilio. Os rapaces -unha chea deles- sentaran na escaleira interior da casa para recibir o hóspede.
Ao velos, González López exclamou: “¡Unha escoliña!”…
Quero entender que o que me atrae de don Emilio quizais sexa a súa capacidade de suxestión e síntese.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/01/2000]

Share