Espantoso (A voapluma, 17/01/2000)

O dos apelidos é cuestión de sorte. Hai quen nace con sobrenome eufónico, moitas veces en correspondencia a un topónimo que adoitaba acompañar un patronímico. Vendo papeis vellos, aparecen familias que se apelidan sonoramente Guillém d’Alcalá ou Rodríguez do Celeiro, por exemplo.
Os patronímicos tamén viñan acompañados doutros sinais de identidade, ben de oficio —Ferreiro—, condición física —Calvo— ou condición moral —Bo—. Mais aínda xorden infinitos elementos a combinar cos nomes de familia e, ás veces, vémonos sorprendidos por eles, e polas coincidencias do paterno co materno.
Seguindo cos exemplos, chama a atención Barro Espantoso, combinación real que induce comentario con permiso dos expertos na materia: Barro pode ser un topónimo e quizais tamén o sexa Espantoso, pois Espantosa éo sen dúbida.
Galicia, coa metade de núcleos de poboación de España, é riquísima en topónimos, e, por tanto, ten que o ser en apelidos. Pero tamén é un país culturalmente colonizado, de maneira que se poden sentir afrontados de nacencia quen se chamen Xosé Espantoso ou María Espantosa —cando “espantoso” en galego-portugués é o que causa espanto, xeralmente pola súa beleza: ao contrario da acepción castelá, que se asocia co horrible.
Distinto sería chamarse Inmaculada Porca, non sendo incomún o apelido. Ou Anxo Carrapatoso —con sobrenome referente ás carrapatas oído polo que subscribe en Viana do Castelo.
Ben, como se ve, isto dos apelidos dá para moito comentario; ao que volveremos co permiso do señor director.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/01/2000]

Share