Blanco Amor (A voapluma, 15/01/2000)

O ano 2000 é o de Castelao na cultural parroquia inmediata; e sería tamén o de Eça de Queiroz se o Eixo Atlántico non fose unha linda entelequia. Pero tamén é o ano de Murguía… Moito ano.
Non vai ser, sen embargo, o de Blanco Amor. E, con todo, sempre é tempo de pensar no Eduardo, desta volta eclipsado por figuras sobranceiras e doutrinarias.
Eduardo é vixente. Un recente inquérito sobre a novela galega do século deu como resultado sen dúbidas A esmorga. Os homes vanse, coas súas miserias (e as de Blanco Amor non foron poucas) mais as súas obras quedan. As obras de certos humanos fican absorbidas pola masa do pobo ao que pertenceron, integradas nel -se non pasan a formar parte da Humanidade toda.
Blanco Amor escribiu en Buenos Aires a novela galega do século, relato que pasaría a ser da xente case como os contos de lareira. E iso é unha síntese da Historia de Galicia: emigración e consciencia de patria abandonada; creación filla da saudade; exercicio do idioma a favor de quen o inventou.
Non demorará o concello de Oleiros en convocar o concurso que leva o nome de Eduardo Blanco Amor, homenaxe anual dun grupo de concellos galegos.
Pero aínda fica por facer a grande homenaxe ao seu xenio: aquela na que participe Buenos Aires.
Sendo tempo de Castelao, con máis razón, que ninguén esqueza o París do Prata e o narrador que alá inventou unha fórmula maxistral de galego en prosa.
Convídese logo o concello -a intendencia- de Buenos Aires a participar nas honras literarias e municipais ao inmortal ourensán.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 15/01/2000]

Share