Heditar (A voapluma, 14/01/2000)

Perante as eleccións que nos veñen temos que estar preparados para as arroutadas dos políticos. Sendo a inmensa maioría deles educadiños e corteses, cando lles cheira a elección revíranse. Falan e falan, e perden conta do falado.
En todo o mundo, eleccións significan licencia para diciren uns dos outros o que en privado nunca ousarían pronunciar. En Galicia tamén lles é momento de -perseguidos pola súa mala consciencia- se lanzaren a falar en galego; ou no que sexa.
Nese “o que sexa” dos políticos entrou desde hai pouco un fenómeno curioso: cando eles se criaran sentindo un uso peculiar do castelán, non sempre incorrecto, agora chegan á hipercorrección na lingua aprendida en viaxes a Madrid e introducen no seu castrapo -suponse que ben intencionado- regras absurdas.
Véxase que pasa co uso do auxiliar haber:
Hai vintecinco anos -por fixar unha barreira temporal- en Galicia ninguén dicía naturalmente “he dicho” senón “dije” (aceptable en castelán), ou “había dicho” senón “dijera” (inaceptable como pluscuamperfecto).
Hoxe hai políticos que chegan a facer frases en castelán como “el año pasao he estao“, na vez de “estuve”; e en galego inclínanse por “he falado” ou “había percorrido”…
Contan que no pasado martirio electivo, un exemplar destes galegoparlantes de ocasión mitineira repetiu tantas veces “he dito” que do público saíu un berro: “Se tanto editas, carallo, ben nos podías botar algún libro de regalo”.
En fin, que non falte o humor; e menos se as eleccións veñen en tempo de Entroido.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 14/01/2000]

Share