O’Brian (A voapluma, 13/01/2000)

Morreu Patrick O’Brian. Chamándose así, albiscaríase nel un irlandés dos que usaron a bastard language do asoballador para seren algo no mundo -aínda máis se un dos seus grandes personaxes é mestizo de irlandés e catalán.
Pero O’Brian -pseudónimo de Russ- era inglés de ascendencia alemana, e repartía a vida entre Irlanda e o Rosellón.
Na lingua propia escribiu máis de trinta libros famosos; deles, dezanove dunha saga na que canta as glorias da Royal Navy. E faleceu pasada a fronteira difícil dos oitenta e cinco anos pensando aventuras para un mariño de guerra e un médico espía: o texto número vinte da saga.
Na world wide web, un “furón” (programa buscador na inmensa tea de araña dos servidores da interrede) logo atopa sobre el cincocentas referencias, O’Brian’s clubs incluídos.
Fixo historia do imperio británico, e mofa do español e dos soños imperiais de Napoleón et caterva. Popularizou para os anglo-lentes o que todo anglo-parlante quere oír: Britannia rules the waves.
Fíxoo, aínda con pesadas descricións de navíos e aparellos; e cometendo erros que ninguén lle corrixiu (por exemplo, a un buque español chámao Cacafuego, non Cagafuego).
Sabendo de O’Brian, enténdese unha das maiores desgracias de España: o seu centralismo de sequeiro, a incapacidade para pensar no mar. E a consecuente falta de autores que, de tamaña materia naval da historia española, fixesen o que non consegue el gobierno de la nación.
(By the way: os bascos fixeron moitísima España a bordo dos navíos da Real Armada.)

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/01/2000]

Share

One Comment

Comments are closed.