Equipaxe (A voapluma, 12/01/2000)

A festa de Reis é coma unha prolongación, lánguida e saudosa, das de Nadal e Aninovo, que nos levará con ledicia de días a medrar cara ás folganzas do Entroido.
Nese languidecemento fica un gotexar de agasallos da xente que nos quere ben e, quizais por estar lonxe, non conseguiu facelos chegar a tempo.
Acabo de recibir un trebello utilísimo, que moito agradezo: unha maletiña das que collen perfectamente neses malditos cubicadores que certas compañías aéreas colocan á entrada da manga de abordaxe ao avión. Ten vaias asas e un mecanismo de arrastre sobre rodas. É perfecta…
Este regalo dispara na miña memoria unha anécdota seguramente compartida con moitos viaxeiros por pracer ou á forza:
Anos atrás saltei de Lavacolla a Heathrow, e desde alí a Shannon. Cheguei de noite e non me apareceu a equipaxe facturada. Tiven que seguir camiño para Galway e, á mañá seguinte, fulxindo o sol sobre os verdes campos da Irlanda, vinme obrigado a vestir a roupa do día anterior.
Pasei as horas de traballo levado do diaño, e á tarde comprei un maletín con capacidade para unha muda, que me acompañaría en moitas viaxes de negocios.
Pero tampouco chega o andar co xusto; de maneira que, pasado un certo tempo, comprei unha maleta ao xeito da agora recibida de presente -vulto que non sempre me deixaban subir a bordo, coa desculpa de ser grande de máis…
En fin, a partir de agora, pasar escrutinio co novo artefacto contedor de documentos e roupa vai ser en certo modo como facer a figa aos escrutinizadores: un pracer.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/01/2000]

Share