Alumnos (A voapluma, 11/01/2000)

Afeito o conferenciante medio a non atopar xente nas súas actuacións públicas, compréndese a satisfacción do que exerce de profesor: sempre ten audiencia.
Os alumnos, á fin das contas, son uns condenados a escoitar. Escoitan, toman notas das teorías dos profesores -mesmo que sexan parvadas atroces- e nos exames aínda florean o que escoitaron ou viron pintarraxado.
Se non, non aproban, coitadiños.
Eis, logo, a satisfacción do docente: ceibar as súas vaidades diante dun grupo de presos…
Pero dar teoría nas aulas non só produce a satisfacción de ter audiencia fixa; ás veces, tamén, o que ensina capta o alumno en sintonía, aínda con ideas que non son doadas de dixerir.
Iso, por fortuna, detéctase con frecuencia nos exames: hai rapaces que non só aprenderon a lección senón que engaden coñecementos de colleita propia, cos que o profesor aumenta os seus.
Pero a satisfacción chega á plenitude cando se atopa un alumno dos sintonizados xa posto a andar pola vida e disposto a pagar os xuros do capital intectual emprestado lección a lección.
Nestes tempos de nova empresa, nada hai como un encontro casual, unhas cervexas e a descuberta de que aquela rapaciña de ollar vivaz ou aquel mocete das preguntas case impertinentes teñen negocio propio.
Quizais xa pasaron por algunha empresa allea e, empregados nela, lembraron ideas oídas na aula; coidaron que as podían converter en diñeiro e constituíron sociedade…
A maior e máis sincera alegría do profesor, daquela, é por saber que terá quen lle pague a pensión.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/01/2000]

Share