Don Pradita (A voapluma, 10/01/2000)

De súpeto, Castelao. Xa se manifestaron coñecidos detentadores das esencias patrias vindicando desde Galiza o nome de Hespaña. Xa falou o sabedor de todas as intrahistorias, o que non quere entregar Galicia a un Portugal que foi parte de Hespanha (como escribían os súbditos portugueses dos Austrias).
Xa todo en marcha, no hospital do Centro Galego de Buenos Aires mesmo terán preparada peregrinaxe ao cuarto sinxelo en que pasou á inmortalidade o grande debuxante, pintor, orador, pensador e intento de político…
Esperemos que algún dos que saben todo non esqueza a Rodolfo Prada.
Don Rodolfo era o tío de dous homes importantes da construcción en Hespaña/Hespanha: Rodolfo e Emilio Lamas Prada. Emilio facilitou ao tío un dos seus encontros na Galicia/Galiza da clandestinidade cultural de fins dos 60.
De aí xurdiu unha relación que había fructificar en Buenos Aires, cando nas casas da galeguidade aínda se mantiña a bandeira tricolor da república que, federalizada, demandan os das luzes. España era de novo monarquía, con uniformes de respaldo, e os vellos resistentes non se atrevían a vir. Nos seus rostros persistían sombras de paseos na amañecida.
Pero don Rodolfo era a alegría porteña, o desenfado, a palabra clara. Por ser pequeniño, os camareiros do Centro Ourensán chamábanlle don Pradita; pero, tamén, mi general.
El sabía todo de Castelao, mesmo o que lle custaba mantelo. E nos seus ollos claros, de negociante metido a axente secreto, nunca houbo reclamación.
Da súa xenerosidade cumpría falar.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 10/01/2000]

Share

One Comment

  1. Miguel Cabeza Gonzale

    Eu que tiven sorte de traballar no Dr. Andreu podo asegurar que foi unha das mellores persoas que conocin na miña vida. E certo que sabiao todo de Castelao,de quen foi mecenas.

Comments are closed.