Estranxeiras (A voapluma, 08/01/2000)

Temos un regulamento de identificación sinxelo, práctico e efectivo: un nome e dous apelidos, de liñaxes paterna e materna. A lexislación española era ata agora estricta, igualitaria e facilitadora de datos.
España é para o “mundo civilizado” un exemplo de antimachismo: aquí unha muller nace e morre sendo legalmente filla dos seus pais e non “señora de” calquera que lle dea apelido por matrimonio. Noutros estados hai lexislacións que fan dunha divorciada “irmá” ou “filla” do exmarido ata que outro home lle volve dar nome de familia…
Acaba de xurdir un caso comentable no noso entorno: unha señora de procedencia escandinava casou cun galego emigrante no seu país e, por non usar o apelido paterno da propia mai dela, inscribiuse no consulado correspondente co do pai e máis co do home e un “de”.
Isto debeu ser corrente no seu día, porque a escritora Úrsula Heinze fixo outro tanto na Alemaña. De xeito que se chama ao completo Úrsula Heinze de Lorenzo, por ser esposa de Ramón Lorenzo, o catedrático compostelán.
Así sería e esperamos que a amiga Úrsula non se vexa nun enguedello coma o que dá orixe a estas notas:
Por esixir dereitos sociais, a dama escandinava viuse a guerrear coa administración española ata descubrir que ela non existía: era un ente hipotético porque só tiña un apelido válido. O outro —o do marido— era de engádega.
A cousa rematou no xuíz. E xa hai sentencia: a partir de agora, a boa muller vaise apelidar dúas veces como seu pai, xa que a mai, coitada, non tiña outro apelido.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 08/01/2000]

Share