Feces (A voapluma, 07/01/2000)

Recibo reprimenda dunha señora amiga dos meus maiores, á cal lle aturei a racha polo respecto que os vellos me ensinaron a ter ás damas.
Cualificaba ela de groseiro o artigo dedicado desde esta columna aos encontros nos urinarios; e consideraba irreverente a descrición feita nel dos traballos dun arcebispo con sotana para satisfacer necesidades das que non libera a condición de nobreza eclesiástica.
Non sei o que xulgarían o resto dos que tiveron a paciencia de leren o tal artiguiño, pero —en defensa de todos os cronistas— debo dicir que escribín verdade, notarialmente…
O organismo humano, como o de calquera animal, necesita de alimentos que procesa ata a forma de feces a eliminar. Ese é o feito fisiolóxico.
Os animais non conceden maior importancia á tal eliminación e hai algúns que estercan en movemento —cal as aves e os équidos— mesmo con elegancia.
As persoas, bichos ben rariños, andan con complicacións ao respecto. Hainas que lle botan humor á realidade fecal e inexcusable en canto outras se senten molestas, impuras e pecadentas polas demandas do excrementicio.
No grupo das primeiras están Mark Twain, quen vindicaba “the plaisure of defecation”, e un arquitecto que se sente frustrado porque aínda non houbo cliente que lle encargase un “retrete-xardín baixo cuberta luminosa, con biblioteca e paxariños”.
No grupo das segundas está quen non pode imaxinar os dignatarios do mundo a disfrutaren do pracer vindicado polo Twain no culto recanto co que soña o arquitecto hixienista da cita.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 07/01/2000]

Share