Aínda (A voapluma, 06/01/2000)

“Aínda” nos tempos de gramática vella (agora seica todo é diferente) era adverbio de tempo: no código de pensamento xeral, indicación a cerca do que non findou.
Hai ditos definitorios que comezan coa tal palabra. Por exemplo, “Aínda Deus non é vello” —a suxerir que fica moito por ver nesta vidiña…
Era día glorioso de inverno. Entre Lugo e Chantada brillaban os lameiros e contra o horizonte fulxía o brancor da neve nos cumes da Galicia profunda.
No corazón do Impaís recibía amigos un galego de corazón aberto que manda no corazón de Europa. Xosé Manuel Silva convidaba a xantar, e a falar.
Homes que saben de sucalcos e viñas, entre grolos de mencía explicaron o que importa: a Galicia interior é un tesouro, que cómpre vender con xeito.
Vendelo ás vistas dos visitantes, e aos seus sentidos alimentarios, pero non aos seus petos e os seus caprichos. Galicia para os galegos, os primeiros a gozala, dispostos a compartiren gozo cos que veñan de turismo.
Os que andan camiños tamén gustan de coñecer xentes, queren aprender de paisaxes humanizadas. Os desertos son ásperos…
Galicia —din os chantadinos— aínda ten poboación dabondo como para evitar a desertización do seu interior. Aínda ten recursos humanos para cultivar primores e delicadezas das que deixan bo diñeiro.
Aínda pode dedicarse á horticultura, á floricultura, á silvicultura, á apicultura… en canto se estenden as redes de servicios polo rural: estradas, esgotos, enerxía, telecomunicacións…
Aínda pode procurar mil primaveras máis.
Aínda.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 06/01/2000]

Share