Nadal con soldados

«Triste y sola, sola se queda Bruselas…», poderíase parafrasear a canción de tuna compostelá. A capital da Unión Europea, babel de linguas e feira de culturas, perde na fin de ano ducias de milleiros de veciños, que marchan aos países de orixe porque é o Nadal dos católicos e os protestantes (o dos ortodoxos aínda será no día dos Reis). Na Grote Markt fican soíños o belén e a estrela guieira. Este ano dous valados de seguranza impiden que alguén se achegue ao cabanote cuberto de palla, con figuras de tamaño natural. María, Xosé, o Neno e os Reis Magos aparecen engaiolados, protexidos por unha malla metálica. Non lonxe deles apóstanse policías con subfusís ao colo, a pistola na perneira porque -como ensinaron os israelís- aí é de onde máis doadamente se colle.

Os soldados levan pistola así, e fusil de asalto. Patrullan en parellas por toda a cidade, incluso no formigueiro do metro. A xente afíxose a circular entre armas de guerra. ¿Por que? Porque Europa se desangrara durante medio século XX, faltaban brazos e abríronselles as portas a inmigrantes que -calculouse- ben se contentarían con traballar e calar. Mais foi mal cálculo: os seus netos queren mandar, e algúns fano de xeito que obrigan a responder con carros blindados. Pobre Noite de Paz para cristiáns, musulmáns e mesmo ateos.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 24/12/2015.]

Share

One Comment

  1. fina roca

    Pois eu vou para ala (Ala) o día 27. Estás a meterme medo no corpo? Xa será menos, non sí? Màndame sitios de ocio a precios asequibles. Tamén iremos a Brujas y Amburgo, tu Antuerpe del alma. Bo Nadal e biquiños.

Comments are closed.