Aos Reis (A voapluma, 05/01/2000)

Por fin chegan os Reis Magos de toda a vida, eses que existían en solitario cando non había televisión; cando había belén nas casas e nada sabiamos do Santa Claus que exportou Hollywood xunto coa maldita arboriña deforestadora do Nadal.
Vindo os Reis con permiso dos grandes almacéns -que aínda non venderon todo- é momento de facermos peticións, como daquela faciamos…
“Queridas Maxestades: O pasado ano traballei arreo e obedecín os xefes, que mesmo me parecen cativos grandes, que non se decatan do choio en que andamos, e, aínda por riba, algún non sabe pór en marcha o ordenador e anda a pedir papeliños. Tamén tiven que aturar as impertinencias dos fillos e os berros da muller por culpa desas impertinencias dos rapaces, que non respectan as barbas canas do pai. Quero dicirvos con isto, señores Reis, que a onde irás boi que non ares, e que me portei moi ben segundo entendo, de maneira que vos quixera pedir algo que espero poidades atopar na vosa viaxe desde o Oriente ata aquí, onde remata o Occidente. Évos un reloxo con autocarga por conversión de movemento en enerxía eléctrica, con presentación analóxica e precisión de cuarzo, con luciña para ver de noite a hora e mais alarma para non necesitar espertador, e que permita tomar baño sen ter que sacalo. Espero que mo traiades e prométovos portarme no 2000 tan ben como no 99″…
Ben. Agora non sabemos con que criterios se van comportar os Reis. Pero queremos perseverar na ilusión da patria verdadeira e infantil: que sexan bos con todos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/01/2000]

Share