Urinarios (A voapluma, 04/01/2000)

Este día, tras da presentación do libro de poemas do Vicente Araguas en Ferrol, acompañámolo a un famoso restaurante de Neda un grupo de amigos e parentes -entre eles, o Miro Casabella, compañeiro do Vicente nas aventuras cantoautóricas dos Voces Ceibes.
O caso é que aos cincuentóns normalmente non lles falta “sensación prostática” e iso fixo que varios nos encontrasemos no certo sitio.
Alí, cadaquén na súa ocupación, xurdiron comentarios; e o que subscribe contou para o Casabella como coñecera de preto a monseñor Rouco Varela, papable, e a don Rodrigo Rato, ministro importantísimo.
A don Antonio María foi logo da misa anual no pazo de Trasalba. Por tal sensación antes mencionada, houbo un encontro fronte ás brancas bacías do escusado (é curioso ver os traballos que pasa a xerarquía católica para desabotoar a sotana, tras do cal pode xurdir un pantalón de rápida cremalleira).
Houbo breve e latínica parola sobre o tempo espléndido que El-Señor nos deparara para honra maior de Otero Pedrayo.
Co Rato -daquela a penas político con zoolóxico apelido-, aconteceu na Festa do Albariño. Escoitara el unha conversa entre asistentes con capa de confrades (un deles, don Manuel) e quixo saber detalles dela por quen atopou a botar cadrís para diante.
Don Rodrigo -deducíuse da paroliña micciatoria- andaba moi preocupado polas telecomunicacións en España…
En fin: a experiencia de vivir ensina a non desprezarmos as circunstancias. Ata nos máis humildes recantos pódense coñecer persoas interesantes.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 04/01/2000]

Share